CRTVG

Buscar

Galicia acelera esta fin de semana a inmunización con máis de 50.000 doses

Publicado o 10/04/2021 21:11

A próxima semana Galicia recibirá 137.000 vacinas

• A maioría das doses, unhas cen mil, son de Pfizer

A Xunta continúa a acelerar o ritmo de vacinación en toda Galicia. Para esta fin de semana están citadas unhas 8.300 persoas no Instituto Feiral de Vigo. Entre os convocados de hoxe, persoas de entre 75 e 79 anos que reciben a vacina de Pfizer.
"Por seguridade porque estaba moi preocupada polo que puidera pasar"
Daniel Domínguez, enfermeiro e coordinador de vacinas no Ifevi: "A xente maior, o grupo máis sensible ao coronavirus, responde moito mellor, está máis concienciada do risco"

O operativo continuará nas vindeiras horas coa vacinación de 6.000 persoas de entre 60 e 65 anos. Hai ademais unhas 700 persoas citadas en xornadas previas, pero que non puideron acudir á convocatoria. Todos eles recibirán a formulación de AstraZeneca.
Daniel Domínguez, enfermeiro e coordinador de vacinas no Ifevi: "É unha vacina segura, os casos que se están a estudar son residuais"

E en Santiago, tamén continuaba esta mañá a vacinación na Cidade da Cultura coas doses de Pfizer.
Iolanda Moares, enfermeira de familia: "Están citadas esta mañá unhas 1.600 persoas de entre os 75 e os 79 anos".

Andrés Vázquez, enfermeiro e coordinador do equipo de vacinación: "O ritmo está a ser moi bo e está a acudir bastante xente".
No interior estaban preparados doce postos de vacinación e oito equipos que se encargan de preparar as vacinas.

Os convocados sentíanse aliviados de recibir polo menos a primeira dose:
"Moi contenta, encantada da vida e de poder andar máis libre por aí, e ir de vacacións" "Eu estaba desexando, o caso é que vaia ben agora"

En total, a Xunta citou para esta fin de semana preto de 52.000 persoas. Prevese administrar 27.000 doses da vacina de Pfizer e outras 25.000 de AstraZeneca.

 

Noticias web

10/04/2021