CRTVG

Buscar

A obriga de certificado covid amplíase a todo o lecer nocturno esta fin de semana

Publicado o 22/10/2021 14:33

• O DOG aclara que o certificado non será necesario nas terrazas se non hai que acceder a elas a través do interior do local

• Galicia deixa atrás as limitacións de ocupación tras saír da situación de emerxencia sanitaria 

 

 

Coas menores incidencias desde que hai rexistros e as mellores cifras de vacinación do Estado, Galicia abandona a situación de emerxencia sanitaria. A resolución xa está publicada no Diario Oficial de Galicia.

E notarémola sobre todo porque ás doce da noite rematan as restricións nas ocupacións e recupérase o 100 % de cabida en todas as actividades e sectores económicos, culturais e sociais.

Na hostalería as cunchiñas xa marcarán só a seguridade dos locais, porque as ocupacións serán xerais do 100 % en todo o sector, co que se pactou -para os venres e os sábados- unha ampliación horaria.

Neses días da fin de semana, cafeterías, bares e restaurantes poden estenderse ata a unha e media da mañá. E os pubs poden abrir ata as catro e media. Para as discotecas o horario de peche é todos os días ás 5 da mañá e esixen certificado.

A normalidade tamén chega ás residencias de maiores, coa recuperación das saídas dos residentes, e das visitas dos familiares, que seguirán sendo con cita previa. Tamén os albergues pedirán certificado para recuperar as ocupacións do 100 %.

Por normativa estatal, mantense o uso xeral da máscara en interiores e o metro e medio de distancia social. As medidas, todas, serán reversibles se por algunha razón inesperada houbese un paso atrás nas incidencias. Os responsables de Saúde Pública e un subcomité clínico seguen en garda.

Obriga de certificado covid para acceder a todo o ocio nocturno

A obriga de exhibir o certificado covid esténdese, desde esta fin de semana, a todos os locais de lecer nocturno, xa sexan pubs ou discotecas, independentemente do nivel de seguridade que escollesen aplicar. O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) autorizou esta medida nun fallo xudicial, difundido este venres, que posibilita que a Xunta publique xa a nova normativa para a hostalaría e lecer nocturno.

No fallo xudicial explícase que o alcance da medida para a cal a Xunta pediu autorización versa en que agora se "estende a todos os establecementos incluídos" nos dous niveis de seguridade (1c e 2c) e "non só" ao de maior seguridade, como cando este mesmo tribunal autorizou a medida anterior."O que ten a súa razón de ser, non pola evolución da situación sanitaria (que non empeorou), senón porque se incrementou a capacidade máxima de persoas permitidas neses establecementos, co consecuente aumento de risco na transmisión da enfermidade", apunta o documento xudicial. 

 

Noticias web

22/10/2021