CRTVG

Buscar

Galicia chega aos 7.208 casos tras unha repunta de máis dun milleiro de positivos

Publicado o 15/07/2021 19:49

• As cifras de novos casos ascenden a niveis da terceira vaga, en febreiro

• Repuntan as hospitalizacións en planta (+8) e nas UCI (+4)

Galicia chega aos 7.208 casos tras unha repunta de máis dun milleiro de positivos

A quinta vaga mantén a súa tendencia á alza cunha aceleración no ritmo de contaxios. Segundo os últimos datos do Sergas, hai 7.208 casos activos, 910 máis ca onte. É o maior incremento dende o 23 de xaneiro.

A cifra de positivos tamén é elevada: 1.097, dos cales 1.082 están confirmados cunha proba PCR, a maior cifra dende o 4 de febreiro.

Por áreas sanitarias a repartición é a seguinte:

Vigo: 1.591 (+202)

Ourense: 1.429 (+186)

A Coruña: 1.191 (+105)

Pontevedra: 1.285 (+146)

Santiago: 817 (+146)

Lugo: 631 (+92)

Ferrol: 264 (+33)

Repunta nos hospitais

Empeora a presión asistencial logo de varios días con certa estabilidade. O número de persoas ingresadas en planta aumenta a 65 (+8), e supera así o limiar dos 60, que non cruzabamos dende o 8 de xuño. No que respecta ás UCI, o incremento é de catro persoas, ata chegar ás 14.

Na xornada de hoxe non se notificaron falecementos. Onte o Sergas notificou o pasamento de dúas mulleres por mor da covid-19, que eleva a cifra de vítimas no que vai de pandemia a 2.441. 

A positividade roza o 15 %

Das 7.255 probas PCR realizadas onte, 1.082 deron positivo. Iso revela unha taxa de positividade proóxima ao 15 % (14,91 %). Non se rexistraba unha cifra tan alta de novos positivos dende o 4 de febreiro.

Respecto a esa data, malia que se rexistran cifras de contaxios semellantes, hai moita distancia no que respecta á presión ospitalaria: daquela había máis de 1.300 persoas ingresadas, 247 nas UCI. Hoxe hai 79 en total.

Mapas de incidencia por concellos