CRTVG

Buscar

Galicia, a piques de superar o millón de persoas vacinadas coa pauta completa

Publicado o 19/06/2021 20:49

Galicia vai dando pasos na desescalada, avanzando cara á normalidade, nunha fin de semana na que a comunidade vai sobrepasar o millón de persoas coa pauta completa de vacinación. Agora mesmo o 42 por cento da poboación está xa vacinada. É a comunidade coa porcentaxe máis alta de toda España.

A vacinación progresa a bo ritmo en Galicia. Estamos a piques de sobrepasar unha cifra simbólica, a do millón de persoas coa pauta completa. Agora mesmo o 42 por cento da poboación está xa vacinada. É a comunidade coa porcentaxe máis alta de toda España.

Julio García Comesaña. Conselleiro de Sanidade: "Estamos chegando ao millón, estamos pendentes aí de cando o acadamos pero si estamos roldándoa. É unha cifra realmente importante. Na estatística do Ministerio, Galicia figura neste apartado, está moi por riba da media e é a primeira comunidade autónoma nesa porcentaxe de pauta completa"

Entre os vacinados este sábado, o propio conselleiro de Sanidade, que acudía ao Ifevi a poñer a segunda dose.
No resto de áreas sanitarias este sábado continuaba a quenda do segmento de idade de entre os 40 e 49 anos. Recibiron a primeira dose do preparado de Pfizer. En Santiago estaban convocadas unhas 4.700 persoas.

Diego Mosteiro, coordinador da vacinación na Cidade da Cultura: "Estamos indo a un bo ritmo, cada vez temos máis stock de vacinas, estamos administrándoas nunha alta porcentaxe. Estamos vendo que a participación é moi boa e por iso o ritmo é tan acelerado"
"Foi todo moi rápido, moi ben feito e a verdade é que moi contenta"

En Ourense tamén avanza rápido a inmunización. No recinto de Expourense estaban citadas para este sábado 3.100 persoas, tamén do segmento de idade de 40 a 49 anos. Recibiron Pfizer.
"Estou esperando pola segunda dose xa e que acabe isto e que comecemos a normalidade xa dunha vez"

Na área sanitaria da Coruña-Cee, entre o Ifeco e diferentes hospitais vacináronse hoxe preto de 8.800 persoas.
"Que nos vacinen a todos e que poidamos ter un verán máis ou menos normal" "Dá gusto ver como a cousa vai pouco a pouco mellorando" "Con moitas ganas e moita ilusión, é un novo comezo"

Tamén se lles administrou a segunda dose a grupos de idade de máis de 50 e de 60 anos e a colectivos esenciais. Entre as distintas áreas sanitarias, nesta xornada estaban convocadas unhas 41.000 persoas. A semana vindeira, se chegan todas as doses previstas, aínda se incrementará máis o ritmo de vacinación.

Noticias web

19/06/2021