CRTVG

Buscar

"Imos controlar a pandemia moi pronto"; Galicia, preto de situarse en risco baixo

Publicado o 08/06/2021 14:31

Temos hoxe 51 de incidencia acumulada a 14 días, a só un punto e quizais a só unha xornada de quedar por baixo dese limiar que establece a UE como risco baixo de transmisión da COVID−19, que está nos 50 casos por 100.000 habitantes en 14 días. Será un fito que deixará tras de si un novo reto: os 25 casos por cen mil que establecen os parámetros da nova normalidade a que está previsto que cheguemos a mediados do verán.

"Non é máis ca un número. Non cambian as cousas por que teñamos 51 ou 49. É verdade que son números que a todos nos gusta ir superando porque son os que marcan os parámetros, pero o importante é a tendencia", explica Pedro Rascado, coordinador do plan de continxencia contra a covid19 en Galicia. 

A tendencia é descendente e estable, e, polo tanto, positiva, e fará que Galicia, por así dicilo, pase de pantalla, quizais mañá mesmo, para entrar no nivel de risco baixo da covid−19 e asumir o próximo desafío: os 25 casos por cen mil da nova normalidade.

"Imos controlar a pandemia moi pronto. No verán, ímola controlar; sexa en xullo, sexa a comezos de agosto, a enfermidade vai estar controlada", vaticina Juan Gestal, catedrático de Medicina Preventiva a experto en epidemioloxía.

Xa tiñamos moitos concellos nesta situación de risco baixo e mesmo en "cero covid−19". A noticia é que a media autonómica acade eses valores baixos que permitirán ir suavizando. Gestal mesmo considera que a situación de Galicia podería permitir deixar atras a máscara en exteriores coa chegada do solsticio. "Xa vén aí o día 21 de xuño, que trae o verán, e é unha data boa para tomar medidas nas comunidades autónomas como Galicia, a Comunidade Valenciana ou as Baleares, que son as que están nunha situación mellor", propón Gestal.

A inmunidade de rabaño marcará a fin, pero mentres non ocorra en todo o mundo cumprirá estarmos atentos aos viaxeiros e incrementarmos a vixilancia epidemiolóxica para evitar focos. Entrementres, é o momento de combinar o optimismo coa prudencia.

"Non esquezamos que o virus segue afectando e calquera que non estea vacinado, ou mesmo os vacinados poderiamos transmitir a infección, e segue existindo o risco de infectarse e ter unha enfermidde grave. Estamos nunha situación positiva, pero sexamos aínda prudentes coas medidas de precaución", advirte Rascado.

Noticias web

08/06/2021