CRTVG

Buscar

Galegos e portugueses celebran a apertura das fronteiras pero esperan que se aclaren as restricións

Publicado o 01/05/2021 21:07

Primeiro día coas fronteiras terrestres abertas entre Portugal e España. Mentres se desmontan os dispositivos de control que funcionaron desde hai tres meses esta é a imaxe das pontes na nosa Raia.

Os gobernos dos dous países deron por abertos os pasos fronteirizos sen restricións ás 12 da noite pero a Xunta solicitoulle onte ao Ministerio do Interior que aclarase como interfire esta medida co peche perimetral que ten a comunidade xa que as normativas sobre o réxime de fronteiras e os peches autonómicos entraban en contradición. A primeira hora da mañá, parte da cidadanía decidía interpretar a norma á súa comenencia.

"Pasei ata Portugal. Unha marabilla, dá gusto ver a ponte xa sen obstáculos." Di un veciño galego.
"Estamos habituados os de lado de acó ir ao lado de aló e viceversa. Sempre para as compras e a gasolina" Di outro veciño portugués.
"Non podemos ir a Portugal, téñoo claro. Eu creo que non porque non podemos saír da comunidade." Di outra muller deste lado da fronteira.

Desde Portugal agardan que se clarifique a situación para poder retomar a actividade transfronteiriza con normalidade.

O Presidente da Cámara de Vila Nova de Cerveira insiste en que hai dúbidas aínda por parte do goberno de Galicia. "Eu penso que terá que haber unha clarificación entre o goberno de Galicia e de España para que poidamos saber con que situación contan os galegos e os visitantes que van a Galicia tamén, porque é importante", di.

A Xunta solicitou que os desprazamentos se axusten só ás excepcións de traballo, sanidade e educación establecidas para a pandemia, unha medida coa que concordou a Delegación do Goberno en Galicia, aínda que nas outras comunidades fronteirizas prevalece a normativa de libre circulación entre países, igual que xa ocorrera no Nadal.