CRTVG

Buscar

Galán denuncia o "terrorífico intervencionismo" do Goberno no sistema eléctrico

Publicado o 06/10/2021 08:46

Para o presidente de Iberdrola Ignacio Sánchez Galán, a suba continua do prezo da luz é culpa dunha situación mundial de falta de subministración de gas e da lei de oferta e demanda. E por iso critica o que chamou "terrorífico intervencionismo" do Goberno no sistema eléctrico. Pero di estar disposto ao diálogo.

O presidente de Iberdrola facía estas declaracións o mesmo día en que o Goberno lle pediu á Comisión Nacional do Mercado e da Competencia que investigue se algunhas compañías eléctricas están parando á mantenta a produción de enerxías renovables. A ministra Ribera defendía no Senado as medidas adoptadas polo Goberno, pero tamén recoñeceu que o Goberno non tería que tomar medidas nacionais para atallar a crise da luz se houbese unha fronte común coa Unión Europea. 

España, canda outros catro países, Francia, Grecia, Romanía e Chequia, apura a Comisión Europea para levar a cabo unha reforma urxente do mercado enerxético, que pasaría pola creación dunha reserva estratéxica de gas conxunta. Din que é a maneira de reducir a dependencia dos mercados do estranxeiro, en plena escalada de prezos.

Bruxelas, anunciou Ursula Von der Layen, estuda desvincular os prezos do gas dos da electricidade para abaratar a factura da luz. Esa medida cambiaría radicalmente o mercado enerxético europeo, baseado agora en mesturar os custos de todas as enerxías para acadar o prezo final para o consumidor.

Noticias web

06/10/2021