CRTVG

Buscar

Funeral conxunto das dióceses galegas polas vítimas do coronavirus

Publicado o 13/06/2020 14:29

Este funeral conxunto, no que participaron todas as dióceses galegas, facíase en memoria das vítimas do coronavirus, tendo en conta que non puideron ser honradas debidamente polas circunstancias excepcionais da pandemia. Foi así porque as cerimonias dos enterros quedaron reducidas a actos moi sumarios cun mínimo de acompañantes.

O funeral, na igrexa compostelá de San Francisco, estivo presidido polo arcebispo compostelán, monseñor Julián Barrio, e actuaron como concelebrantes os bispos das dióceses galegas.

Na homilía, monseñor Barrio dixo que os falecidos non son un número máis das frías estatístcas; "Foron arrincados do noso lado por este torrente de morte que nos sorprendeu. 619 falecidos, 619 rosas".

O arcebispo compostelán destacou que a pandemia tamén estivo acompañada por unha faciana humanista e de implicación social:  "Agradecemos profundamente a xenerosoa e eficaz colaboración dos persoal sanitario, dos capeláns dos hospitais, da oración silandeira dos mosteiros, de quen tivo que tomar decisión na vida pública, de quen garantiu os servizos sociais, do voluntariado, dos corpos e forzas de seguridade do Estado".

No acto salientouse que as campás resoan en Galicia polos falecidos, pero tamén chaman a atención polos que viven anguriados polas consecuencias sociais e económicas do coronavirus.

Noticias web

13/06/2020