CRTVG

Buscar

Fumar na praia poderá sancionarse con 750 euros en calquera dos areais vigueses

Publicado o 04/05/2021 14:10

Fumar na praia poderá sancionarse con 750 euros en calquera dos areais vigueses. O Concello acaba de aprobar unha ordenanza para regular o uso das praias, e incide especialmente na loita contra o tabaco. Malia que non poden prohibir fumar, xa anuncian que establecerán zonas específicas para os fumadores, afastadas dos bañistas e debidamente sinalizadas. A xente ten opinións maioritariamente favorables á norma.

Non se pode multar a ninguén por fumar, pero si por tirar cabichas na area, o que é considerado como unha falta leve.

"A xente non é consciente das cabichas e déixanas na praia, e estar separados da xente, o que queira botar fume que o bote". "Axudará a ter as praias máis limpas, todo o que sexa progresar paréceme ben", son só algúns comentarios da xente.
 
Os fumadores asumen que non poderán facelo libremente nas praias. 

"Paréceme moi ben que non se tiren as cabichas, pero, a ver, a xente que fuma e garda as distancias e leva as cabichas para a casa, pois non ten que haber problema ningún, penso eu, pero vamos, que me parece moi ben", di unha veciña de Vigo.

"Eu son fumadora, pero non me importa, eu fumo tranquilamente sen que ninguén me mire mal", engade outra.

Tamén se despedirá do tabaco a praia de Patos, en Nigrán, que este ano se suma á inicativa da Rede Galega de Praias sen fume.