CRTVG

Buscar

Francisco Vázquez: "É responsabilidade tanto do Goberno como da oposición buscar unha solución para millóns de españois"

Publicado o 16/04/2020 11:24

Estamos nun día clave nese intento de acadar o pacto de reconstrución ao xeito dos que se asinaron en outubro de 1977: os Pactos da Moncloa.

Daquela foran un xeito de que a democracia acadada non se vise en perigo pola grave situación económica que se padecía. Agora estamos nun escenario distinto, pero, economicamente, tamén moi complicado.

Francisco Vázquez, ex-alcalde da Coruña, embaixador de España ante a Santa Sé e ex-secretario xeral dos socialistas galegos atende a chamada do Bos días:

"Imos levándoo con paciencia. Son momentos en que hai que buscar a parte positiva. Primeiro hai que cumprir as indicacións, porque isto o imos superar entre todos. Eu aproveito para facer as cousas que me gustan: ler, estudar, escribir... Foi un momento para reencontrarme con vellos amigos. Quero dicir, para reler libros que lera hai moitos anos".

Acordo de reconstrución

"Non hai que buscar a imaxe dos pactos da Moncloa porque a situación non ten nada que ver coa de 1977. Utilizar o termo Pactos da Moncloa é unha operación de imaxe".

"Non acabo de entender este barullo de información que está levando a cabo o Goberno. O que hai que facer é esixirlle que presente un documento base sobre o cal comezar a negociación. Evidentemente teñen que acudir á reunión todos os partidos políticos. O que non vaia automaticamente queda excluído. Porque é a responsabilidade máis grande que hai nestes momentos".

"É responsabilidade tanto do Goberno como da oposición arbitrar a solución a millóns de españois. Hai centos de miles de galegos que agora non teñen nin contas correntes, nin diñeiro aforrado, que perderon o posto de traballo, que viron pechar o seu pequeno comercio... Hai que darlles unha resposta".

 

Noticias web

16/04/2020