CRTVG

Buscar

Francia poñerá en corentena os viaxeiros que veñan de España, por reciprocidade

Publicado o 14/05/2020 18:14

Francia poñerá en corentena durante 14 días aquelas persoas que entren no seu territorio nacional procedentes de España, en reciprocidade pola medida adoptada polo Goberno español con todos os viaxeiros que chegan do estranxeiro, informaron este xoves fontes do Palacio do Elisio.

As fontes subliñaron que, salvo aqueles casos exentos da corentena, como os traballadores transfronteirizos, Francia aplicará esta disposición o mesmo tempo que estea en vigor en España, en principio desde mañá 15 de maio ata o fin do estado de alarma, o 24 de maio, e as súas eventuais prórrogas.

A decisión adoptouse, segundo a Presidencia francesa, por "razóns sobre todo políticas e tamén de eficacia": "Non podemos imaxinar que o paso dun país a outro sexa máis fácil que á inversa", sinalaron as fontes.

Por outra banda, Francia rexistrou este xoves 351 mortos por coronavirus no último día. Tras o último reconto, o total de falecementos desde o inicio da epidemia sitúase en 27.425.

Do total de vítimas mortais, 10.201 producíronse en centros de dependentes, e as outras 17.224 en hospitais, indicou o ministerio francés de Sanidade nun comunicado. 

Francia, que iniciou a desescalada este pasado luns, ten hospitalizadas a 20.463 persoas por coronavirus, delas 2.299 en unidades de coidados intensivos (UCI). Aínda que houbo 52 novas admisións de casos graves nas últimas 24 horas, o saldo neto diario entre ingresos e altas nas UCI mantense negativo, con 129 persoas menos. 

As autoridades sanitarias instaron á poboación manterse alerta e a respectar a distancia social e outras medidas de precaución porque subliñaron que a epidemia se mantén activa no país.

O Reino Unido rexistra 428 mortes por COVID-19 e 3.446 novos contaxios

O Reino Unido comunicou hoxe 428 novas mortes por COVID-19 confirmadas por tests en residencias, hospitais e domicilios, así como 3.446 novos contaxios, un día despois de que Inglaterra iniciara a desescalada das medidas de confinamento da poboación

En total, rexistráronse 33.614 vítimas mortais polo coronavirus no país desde que comezou a pandemia, segundo os datos ofrecidos polo Ministerio de Sanidade, que nas últimas 24 horas levou a cabo 126.064 probas diagnósticas.

Italia rexistra unha repunta de falecidos con 262 o último día

Italia rexistrou unha repunta dos falecidos con coronavirus, con 262 nas últimas 24 horas, despois dunha semana por baixo dos 200, e xa son 31.368 desde o inicio da crise, segundo o último balance oficial de Protección Civil.

O número de contaxios totais desde que se detectou o virus o 21 de febreiro é de 223.096, cun aumento respecto a onte de 992, algo superior ao mércores.

Unha gran parte dos novos falecidos, 111, rexistráronse na Lombardía, a rexión máis afectada do país, onde tamén se contabilizaron máis da metade dos novos contaxios (522).