Francia está confinada e Italia e Portugal poderían ser as seguintes
O coronavirus gaña terreo en toda Europa, onde os gobernos comezan a tomar medidas drásticas para facer fronte á emerxencia sanitaria.
Francia iniciou un novo confinamento nacional, mentres en Italia e Portugal as autoridades poderían decidir nos próximos días novas restricións á mobilidade.París á primeira hora, rúas con escaso tráfico e autobuses baleiros.
Francia entrou nun novo confinamento para intentar frear a pandemia de coronavirus que se prolongará inicialmente por un mes.
Durante este tempo só se permiten os desprazamentos xustificados, pero os cidadáns poderán saír unha hora diaria e mantéñense abertas as aulas ata secundaria.
Nas horas previas ao inicio do confinamento, grupos que se opoñen a esta medida protagonizaron algúns incidentes na capital francesa.
A pandemia tampouco dá tregua en Portugal, onde desde esta pasada medianoite e ata as seis da mañá do próximo martes está restrinxida a mobilidade entre concellos.
Esta fin de semana o Goberno podería aprobar novas restricións anticovid, pero non se prevé un confinamento nacional.
"Encontro todo isto innecesario, todo isto de non poder movernos como queremos. Complica a vida das persoas e das familias".
"Creo que é bo, temos que controlalo para tratar de atopar un xeito de superar este virus".
A curva de contaxio segue subindo en Italia e o índice de contaxios nalgunhas rexións supera o 1,5, o que significa que cada positivo infecta unha persoa e media.
Aínda que o primeiro ministro, Giuseppe Conte, insiste en que tratará de evitar un novo confinamento total, todo apunta a que a semana que vén tomará medidas semellantes ás que están vixentes en Francia ou Alemaña.