CRTVG

Buscar

Francia conxela a desescalada para o Nadal ao non baixar os contaxios

Publicado o 10/12/2020 21:04
Francia conxela a desescalada para o Nadal ao non baixar os contaxios

Os franceses só poderán celebrar a fin deste particular ano 2020 cos seus e na casa. O Goberno francés deu este xoves marcha atrás na promesa de non impoñer un toque de queda durante as festas polo alto número de contaxios, que o levou ademais a atrasar a reapertura de centros culturais.

"Entendo o voso cansazo, as vosas dúbidas, o voso sufrimento. Compártoo. Pero a miña misión e a do Goberno é protexervos, o que inclúe tomar decisións difíciles", dixo nunha conferencia de prensa o primeiro ministro, Jean Castex, quen asumiu un ton paternalista para atrasar a anunciada flexibilización do confinamento imposto o 30 de outubro.

A finais de novembro, o presidente, Emmanuel Macron, dixera que se os contaxios caían ata os 5.000 diarios, o 15 de decembro entraría en vigor unha nova fase na que o confinamento deixaría lugar a un toque de queda nocturno e os teatros, cinemas, museos e outros centros culturais poderían abrir. Pero as cousas non van como o Executivo prevía, pois as últimas cifras mostran que tras varias semanas de melloras continuas en novembro, a relaxación das medidas estas dúas últimas semanas, con comercios abertos e permisos para saídas do domicilio máis longas, estabilizaron os contaxios arredor dos 14.000 diarios.

"Non lograremos o obxectivo que marcaramos", asumiu o ministro de Sanidade, Olivier Véran. 

Teatros, cinemas, museos, monumentos e outros centros culturais permanecerán pechados ata polo menos o 7 de xaneiro, e o toque de queda nocturno adiántase unha hora, a partir das 20.00 horas e ata a 06.00 hora local. Si se permitirán os desprazamentos entre rexións, aínda que se mantén a recomendación de dar prioridade ao teletraballo.

"Os establecementos públicos permanecerán pechados tres semanas máis. As condicións impostas para a súa reapertura non se reúnen", resumiu Castex, cuxo anuncio engloba tamén polideportivos, circos, zoológicos e casinos. 

Noticias web

10/12/2020