Fran Escribá: "Hai que empezar a competir xa"
Na súa presentación, Fran Escribá sinalou o equilibrio como a principal carencia do equipo. Logo de dúas xornadas, os problemas parecen ser outros: "Só a orde e o equilibrio non te levan a gañar nada, lévante a estar mellor posicionado, a que o equipo non se parta, pero si que é certo que precisamos moitas máis cousas pero a sensación é que onde precisamos máis é nos últimos 30 metros".
Porque o problema deste Celta é moito máis profundo, segundo sinala o técnico nunha entrevista para a TVG: "O equipo non transmitiu sensación de competitividade salvo en determinados partidos, houbo algúns partidos que si, anteriores á miña chegada, nos que vimos o equipo con esa necesidade de competir e que rendeu ben pero se o equipo non está así será moi complicado".
Pois á volta do parón das seleccións agarda unha semana con tres partidos, Vilarreal, Huesca e Real Sociedade, nos que recuperar toda esa competitividade: "Creo que é moi importante, son 9 puntos, 6 deles contra rivais próximos, temos que vivilo como o que é, unha semana clave, non podemos pensar que despois quedan 7, se non sacas estes 3 ou non sacas un bo botín de puntos é parvada facer cálculos sobre os que faltan, hai que competir dende xa".
Por fortuna, para esa semana xa terá a Iago Aspas: "Afortunadamente o talento non se lle lesionou e vaino poder poñer ao servizo do equipo dende o primeiro día".