Escribá renova polo Celta por unha temporada prorrogable
O Celta e Fran Escribá selaron por unha temporada máis a súa relación. Un mes despois da ampliación do contrato de Iago Aspas, chega o anuncio da renovación do adestrador que logrou deixar o equipo na máxima categoría. Era a primeira opción do club e a resposta do técnico foi satisfactoria.
Fran Escribá púxose aos mandos do Celta tras a destitución do portugués Miguel Cardoso. Quedaban 12 xornadas para o remate da liga e o técnico valenciano chegaba coa ilusión de remontar a situación. Escribá confiaba na calidade do equipo e o equipo respondeu, aínda que con máis dificultades das que se agardaban. Colleu o Celta con dous puntos de vantaxe sobre o descenso e, coa axuda do liderado de Aspas, deixouno unha temporada máis na primeira.
O adestrador continuará ata 2021 se o equipo se clasifica entre os dez primeiros da Liga da vindeira temporada, a mesma fórmula que usou o club no seu día con Juan Carlos Unzué.