CRTVG

Buscar

Folga de seis horas en PSA Citroën Vigo pola sobrecarga de traballo

Publicado o 16/05/2019 19:50

Xornada de folga en PSA Vigo.  Os traballadores paran dúas horas en cada quenda. Protestan pola saturación de traballo na liña de produción onde se fabrica a nova furgoneta K9. 

En total, cinco mil catrocentos traballadores da planta viguesa están convocados á folga con paros de dúas horas en cada unha das tres quendas da xornada. Coa protesta que ameaza a produción de medio millar de vehículos denuncian a elevada carga de traballo no sistema de fabricación do K9, un modelo que, segundo din, é complexo e precisa dun maior número de operarios.

O sindicato maioritario non se sumou á protesta convocada polas centrais da UXT, CC.OO e CIG apoiados pola CUT. Acusan a empresa de inmobilismo logo de cinco meses de diálogo e xa convocaron unha nova xornada de folga para o próximo día 22. Os sindicatos cifran nun 90 por cento o seguimento da folga na planta, mentres que a empresa di que foi dun quince por cento pero con prexuízos importantes para a actividade.


 

 

Noticias web

16/05/2019