CRTVG

Buscar

Folga dos traballadores da concesionaria do autobús urbano de Vigo

Publicado o 03/08/2021 09:50

Traballadores da concesionaria do transporte urbano de Vigo, Vitrasa, comezan hoxe un proceso de mobilizacións con catro xornadas de folga esta semana.

Segundo o comité de empresa, a folga lévase a cabo polas xornadas abusivas de ata 10 horas que teñen que soportar os traballadores e porque as esixencias dos tempos de percorrido apenas permiten descansos. Tamén denuncian os atrasos no abono de nóminas nos últimos meses.

Onte a empresa e o comité reuníronse para intentar chegar a un acordo, pero finalmente non foi posible. As mobilizacións comezan con catro xornadas de folga hoxe, o venres e ao logo de toda a fin de semana, coincidindo co festival O Marisquiño.

O comité fai un chamamento ao Concello de Vigo, responsable da concesión, para que intente desbloquear a situación. Reclaman un novo convenio colectivo e que se revisen as condicións de traballo do cadro de persoal que suma 360 traballadores.

Ás veces os pasaxeiros quedan na parada por falta de capacidade, a pesar, segundo o comité, de ter dispoñibles máis autobuses.

As zonas máis afectadas pola folga son os barrios do extrarradio.

Pola súa banda, a empresa considera a medida desproporcionada e pídelle ao comité que a reconsidere. Para hoxe decretáronse uns servizos mínimos do 50 por cento.                 

Noticias web

03/08/2021