Fisterra Bovine World, vacas de 13 razas diferentes mantidas en Galicia para elixir a mellor carne de vacún
Hai cinco anos, o director Franck Ribière e o prestixioso carniceiro francés Yves Marie Le Bourdonnec decidiron saír en busca da mellor costeleta do mundo, e documentalo. Nesta aventura chegaron a León para probar, enxalzar e premiar como mellor carne a da rubia galega.
E o que foi un recoñecemento para a nosa carne levou a Xosé Portas a poñer a proba esa teoría e formular unha nova pregunta: é a raza ou son as condicións ambientais e alimentarias as que marcan a diferenza da carne galega?
"Eles compraron uns animais que non tiñan nada que ver uns con outros. Uns animais tiñan 24 meses, outros tiñan 8 ou 10 anos como a rubia galega que probaron aquí en España. Entón aí foi onde nos encontramos eses defectos. Dixemos: o proxecto é precioso, o filme é moi bonito pero faltaba iso. Dixemos: imos facer un proxecto horizontal, onde todos os animais teñan a mesma idade, todos os animais coman o mesmo e sacrifícanse todos coa mesma idade. Entón xa podía ser un proxecto comparativo de razas. Todas criadas no mesmo sitio coa mesma alimentación permite definir cal é o metabolismo que desenvolve cada unha das razas con esta alimentación", di Xosé Portas, promotor da Fisterra Bovine World.
E así comezou Fisterra Bovine World: 28 vacas de 13 razas diferentes traídas de distintas partes do mundo ata o concello de Ames. Aquí levan case dous anos, ata o próximo mes de febreiro, cando serán sacrificadas para constatar o resultado. Críticos gastronómicos, restauradores e expertos en alimentación decidirán pasados 50 días de maduración cales son as gañadoras. Un dos privilexiados que participará nesa cata é Carlos Collado, da escola Le Cordon Bleu de Madrid, que hoxe visitou a explotación para trasladarlles aos seus alumnos de cociña a orixe da materia prima coa que traballan. Xa ten claro algún dos segredos desta carne:
"Eu aposto polo método de crianza galego. E que todos estes animais van dar unha calidade superior aplicando este método de crianza. En canto a razas non o sei moi ben", di Carlos Collado, responsable do programa de cociña española de Le Cordon Bleu Madrid.
Iso saberase aló polo mes de abril.