Fin de semana de vacinacións masivas nas diferentes áreas sanitarias
• Grupos de 70 a 79 anos e grandes dependentes, obxectivos para a semana
• Os docentes galegos que non recibiron ningunha dose (o 16%) serán inmunizados cando lles toque por idade
O Sergas continúa esta fin de semana coa campaña de vacinación masiva nas diferentes áreas sanitarias.
Na da Coruña e Cee tiñan previsto administrar este sábado máis de 5.400 doses en diferentes puntos de vacinación coma no CHUAC ou no recinto feiral de Expocoruña. En toda a fin de semana poderían dispensar 11.300 doses.
En Santiago, na Cidade da Cultura, estaban chamadas esta mañá 2.500 persoas.
Andrés Vázquez Enfermeiro do equipo de vacinación de atención primaria "Hoxe están citados pacientes de entre 60 e 65 anos e acoden a poñer a primeira dose da vacina de AstraZeneca. O ritmo está a ser bo. Está acudindo bastante xente"
Para a maioría dos que acudiron, esta primeira dose de AstraZeneca lonxe de crearlles dúbidas traeulles certa tranquilidade:
"Eu son de alto risco, estou operado do corazón e esperando para transplante de fígado, entón teño aí uns factores moi fortes, con medo polo coronavirus"
"Estaba desexando, con moita alegría, creo que debemos vir todos, é fundamental vacinarse"
"Para ter unha vida normal, aínda seguiremos coa máscara e con precaución moito tempo, pero polo menos ir saíndo disto"
Tamén vacinaron hoxe no hospital Clínico de Santiago e no de Conxo pacientes de risco.
Na área de Pontevedra e O Salnés durante toda a fin de semana teñen previsto administrar unhas 4.100 doses das vacinas de AstraZeneca e de Pfizer.
En Lugo, esperan chegar ás 5.400 doses entre o sábado e o domingo. Hoxe foi a quenda de persoas de entre 60 e 65 anos. No hospital Lucus Augusti tiñan previsto dispensar este sábado unhas 1.400 doses.