CRTVG

Buscar

Fin de semana de vacinación masiva en Galicia, que se retomará o martes

Publicado o 11/04/2021 21:57

Fin de semana de vacinacións masivas en Galicia. Na Cidade da Cultura, en Compostela, estaban citadas este domingo unhas 3.650 persoas de 60 a 65 anos. Tocáballes a vacina de AstraZeneca.

Paula Boga, supervisora de área de medicina preventiva: "O ritmo está indo moi ben, está sendo bastante fluído, non está habendo aglomeracións pero a xente está acudindo".

Os citados acudían, moitos decididos e motivados, outros recoñecían que con algo de medo e de dúbidas.

"Son de risco e estaba desexando, necesitábao, porque quería ir ver os meus netos á Coruña, levo un ano sen ir".

"Isto é algo que hai que facer si ou si, se non non hai moita solución".

A situación era semellante en Vigo... Estaban convocadas para hoxe unhas 1.440 persoas de 60 a 65 anos.

"Con moitos nervios, a verdade sexa dita".

"Teño máis medo á enfermidade que á vacina".

Levan sete días seguidos vacinando no Ifevi e volverán facelo a partir do martes. Os responsables están moi satisfeitos pola alta participación. Javier Alonso, coordinador da vacinación en Vigo: "A asistencia é boa, preto dun 90 %".

No complexo hospitalario de Ourense foran citados máis de 1.600 cidadáns de 60 a 65 anos para recibiren tamén a vacina de AstraZeneca.

"É peor o virus, entón sempre que haxa remedio vacinándose moito mellor". 

Josefa Rodríguez Araujo, coordinadora da campaña de vacinación na área sanitaria de Ourense: "A participación está a ser moi boa. Onte foi do 77 por cento". 

E en Expourense convocáronse máis de 2.000 persoas de 75 a 79 anos para recibir a dose de Pfizer, cunha asistencia do 90 %:

"Para poder abrazar os netos e os fillos, que agora non se pode".

Tamén aquí, en Expourense, retomarán a vacinación o martes.

En toda Galicia o Sergas vacinou o sábado algo máis 23.100 persoas.

Noticias web

11/04/2021