CRTVG

Buscar

Fin de semana de 'botellóns' multitudinarios e praias ateigadas

Publicado o 17/05/2021 09:31

A primeira fin de semana completa con liberdade de movementos volveu deixar aglomeracións nocturnas nas principais cidades, as máis numerosas en Barcelona, e tamén multitudes nas praias, sobre todo do Mediterráneo. Tras meses de pandemia, a xente aproveitou estes días para escapar ás zonas de sol e reencontrarse coa familia.

Volveu ser unha fin de semana de celebración nocturna, coa mesma consigna da semana pasada. Tras pecharen bares e locais, a festa trasládase á rúa e ás praias. Así volveu suceder en Barcelona. A Garda Urbana desaloxou a zona da Barceloneta e dispersou as preto de 500 persoas que se xuntaron no paseo do Born.

Ricardo Salas, Intendente maior da Garda Urbana explciaba que "acabamos de despexar este paseo do Born, onde había bastante xente concentrada, en principio a situación non é moi diferente á de onte ou da semana pasada, de momento non temos ningunha situación de tensión nin de risco".

Pero a concentración máis masiva foi na praia de San Miquel, con máis de dúas mil persoas. A noite do sábado finalizou co desaloxo de máis de 9.000 persoas e coa denuncia a tres locais por incumprir o horario permitido.

Moito ambiente tamén en Sevilla. Nova noite de aglomeracións e botellón, o que obrigou á intervención policial. Nas rúas de Alacante e Zaragoza tamén moita xente, inda que sen incidentes. En Salamanca, a policía tramitou durante toda esta fin de semana preto de 900 denuncias por incumprir a normativa sanitaria.

Desde o Goberno, reiteran o chamamento á prudencia. José Manuel Rodríguez Uribes Ministro de Cultura e Deporte, aseguraba: "Eu entendo moito os mozos porque teño un fillo mozo e sei o que significa que estiveran con moita restrición e a necesidade de saír, pero pídolles que o fagan con coidado, que gocen pero que o fagan con coidado".

A outra imaxe desta fin de semana tamén era outra: moita circulación nas estradas e praias a tope, sobre todo as de Andalucía, Cataluña e Comunidade Valenciana, onde as temperaturas ademais alcanzaron niveis de verán. Moito ambiente xa nas localidades de Levante. Tres praias de Mallorca tiveron que pecharse por exceso de xente. Xa se viron esta fin de semana os primeiros xubilados volvendo a Benidorm.

O sector turístico celebra esta volta á normalidade e cruza os dedos para que non haxa marcha atrás.

 

Noticias web

17/05/2021