O rei, arroupado no Foro da Toxa
• O presidente de Portugal, Rebelo de Sousa, reclama "máis Europa" e decisións rápidas
• Feijóo pide evitar "as mazás da discordia" para a recuperación
• A solidariedade e medidas estruturais, como receitas fronte á crise
O rei avogou este xoves por que a saída á crise da pandemia sexa "unha oportunidade de transformación" baseada na economía verde e dixital e pediu que este novo modelo sexa "inclusivo", ao asegurar que "non se pode desenvolver unha sociedade con valores e cohesión social sen equidade".
O rei e o presidente de Portugal, Marcelo Rebelo de Sousa, inauguraron o II Foro A Toxa na illa da Toxa, en Pontevedra, que durante tres días vai reunir políticos e empresarios para reflexionaren sobre como afrontar a reconstrución ante o impacto da crise sanitaria. Ademais do presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, recibiron o rei no centro de convencións da Toxa os expresidentes Felipe González e Mariano Rajoy, nun momento en que a Coroa está no centro do debate político ante as críticas de Unidas Podemos e os partidos independentistas.
Ante a incerteza causada pola pandemia, o rei transmitiu unha mensaxe de esperanza para saír máis reforzados da crise. "Non como un imposible regreso a como estabamos a principios deste ano, senón como unha oportunidade de transformación sobre a base de economías verdes e dixitais", reflexionou. O monarca subliñou que este novo rumbo debe ser "inclusivo", ao advertir que "non se pode desenvolver unha sociedade con valores e cohesión social se falta a equidade".
"O duro efecto da pandemia non nos pode amedrentar, senón todo o contrario; debe estimularnos para mantermos o rumbo da proxección ao mercado mundial e a facelo en paralelo ou simultaneamente coa atención a tantas necesidades vitais urxentes dentro do noso país", aseverou.
Tras asegurar que "non hai receitas máxicas" para superar a crise, apuntou que o país conta con fortalezas suficientes para remontala. Entre elas, destacou que España sexa unha democracia "consolidada e plena, comprometida cos dereitos humanos", a súa modernidade e a súa cidadanía. Tamén que España teña empresas con vocación forte e presenza internacional, e dixo que, ante a crise, o sector "está chamado a ser novamente un potente e principal motor de crecemento".
Filipe VI, que pronunciou algúns extractos do seu discurso en galego e en portugués, remarcou igualmente o feito de que España sexa "diversa e multilingüe" e conte cunha cultura e unha lingua en crecente expansión. Na nova etapa que se abre coa pandemia, o xefe do Estado incidiu así mesmo na importancia de superar a crise mediante "a renovación e o fortalecemento dos foros multilaterais", para que o comercio, a sanidade, a inmigración ou o medio ambiente se xestionen sempre "tendo presentes o interese xeral e o ben común".
"España é un país que recoñece a importancia da integración para a estabilidade política e a prosperidade social e económica", valorou o rei, a quen acompañou a ministra de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto. Ademais da proxección cara a Europa e o Mediterráneo, Filipe VI puxo en valor a cooperación transatlántica, na que España e Portugal participan como "aliados convencidos e comprometidos".