CRTVG

Buscar

Filipe VI apela na Ofrenda ao Apóstolo á unidade para superar a crise da pandemia

Publicado o 25/07/2020 17:57

Os festexos están a ser estraños, atípicos, pero aínda así hai actos que se manteñen. Iso si coas debidas medidas de seguridade, como a tradicional ofrenda o Apóstolo que presidiron os Reis.

As obras da Catedral obrigaron por segundo ano a celebrar en San Martiño Pinario a Ofrenda, que protagonizou, como todo, a pandemia. Filipe VI lembrou as vítimas da covid e o sacrificio dos cidadáns de todos os eidos que combinaron a entrega sen límites, dixo, cunha profesionalidade extraordinaria. "Agora debemos afrontar as consecuencias sociais e económica da pandemia que requiren unha unidade profunda e un compromiso firme coa busca do ben común".

O Rei apelou á solidariedade entre as persoas e territorios de España para minorar o impacto desta crise. "Nesta terra que sempre nos recibe con hospitalidade quero recoñecer o compromiso de Galicia co autogoberno e coa nosa España tan diversa e plural e o pleno desenvolvemento da democracia pese as dificultades dos últimos meses".

Na súa resposta-homilía, o arcebispo de Santiago pediu distinguir o que ocorre buscando a saúde da alma e do corpo e as solucións para reconstruir o tecido económico tendo en conta, afirmou, o ben común. "Apóstolo Santiago, intercede polos nosos gobernantes para que saiban encontrar en diálogo sereno e respectuoso coa verdade solucións aos auténticos problemas que nos preocupan", defendeu Xulián Barrio.

Tamén os aforamentos estarán afectados e impera a distancia de seguridade mesmo para os curiosos que queiran achegarse á zona vella de Santiago para saudar ás súas maxestades.

 

Noticias web

25/07/2020