CRTVG

Buscar

Filipe VI despídese de Cuba reivindicando a democracia e poñendo como exemplo a Constitución española

Publicado o 14/11/2019 13:50

O discurso final de Filipe VI en Cuba foi unha alegación a prol das liberdades que, 60 anos despois do ascenso ao poder de Fidel Castro, o comunismo mantén bloqueadas no país. Ante o presidente Miguel Díaz-Canel, o Rei dixo que a sociedade cubana é plural e os cambios, inevitables.

"É necesaria a presenza de institucións que representen toda a realidade diversa e plural que existe entre os cidadáns... O adecuado respecto á integralidade dos seus dereitos, incluíndo entre eles a capacidade de expresar libremente as súas ideas", dixo o Rei.

O monarca foi máis aló e reivindicou a continuación á transición española e á Constitución como garante da nosa democracia, e exemplo válido para Cuba.

"España soubo dotarse en 1978 dunha constitución baseada no pacto, a negociación, e inspirada no consenso e na reconciliación... Desa constitución, e da nosa propia historia, os españois aprendemos que é en democracia como mellor se representan e se definen os dereitos humanos e a liberdade", engadiu o monarca.

Pola súa banda, o presidente cubano reivindicou a soberanía do seu goberno e asegurou que evolucionan sen por iso deixar de respectar os seus valores e tradicións. Remataba así a décima viaxe oficial dos reis fóra de España.

Noticias web

14/11/2019