CRTVG

Buscar

Filipe VI acode á toma de posesión do novo presidente de Ecuador, o convervador Guillermo Lasso

Publicado o 24/05/2021 19:00

O empresario, banqueiro e político de centrodereita Guillermo Lasso xurou este luns como novo presidente de Ecuador para os próximos catro anos nunha cerimonia celebrada ante a Asemblea Nacional (Parlamento), en Quito, á que asistiron altas autoridades de varios países amigos, entre eles o rei de España, Filipe VI.

A toma de xuramento estivo a cargo da presidenta da Asemblea Nacional, Guadalupe Llori, quen lle impuxo a banda presidencial e a condecoración do Gran Colar da Orde Nacional ao Mérito, o máximo galardón do Estado ecuatoriano. O presidente asinou tamén o seu primeiro decreto executivo, polo cal asumiu a Presidencia Constitucional da República de Ecuador para os próximos catro anos.

Posteriormente, a presidenta da Asemblea tomou xuramento ao novo vicepresidente da República, Alfredo Borrero, con quen Lasso gañou a segunda rolda dos comicios xerais do pasado 11 de abril sobre o progresista Andrés Arauz. Tras a investidura, o presidente saínte, Lenín Moreno, e a súa vicepresidenta, María Alejandra Muñoz, abandonaron o Palacio Lexislativo no medio de aplausos dos seus seguidores, aínda que tamén se escoitou un berro de reproche contra o exmandatario.

Este "é un día de renovación porque o Goberno que hoxe nace ten a responsabilidade de liderarnos cara a un novo século de republicanismo", dixo Lasso no seu discurso de investidura en que prometeu que traballará polos sectores máis vulnerables da sociedade. Tamén dixo que na súa administración "se iniciará o camiño ao Ecuador do encontro", que recolla a súa diversidade social e as diferentes orientacións de pensamento, co obxectivo de alcanzar un país equitativo e próspero.

Tras a cerimonia de investidura, o novo presidente irá ata o Palacio de Carondelet, a sede do Goberno, para ocupar o seu despacho e asinar os decretos executivos cos que designa oficialmente o seu gabinete de ministros e principais colaboradores.

Noticias web

24/05/2021