CRTVG

Buscar

Festas ilegais e aglomeracións na rúa despois do toque de queda en Madrid

Publicado o 04/04/2021 20:51

As festas ilegais e os botellóns repetíronse tamén en Madrid esta fin de semana. Aglomeracións nas rúas do centro da capital despois do toque de queda, festas en domicilios e mesmo en discotecas levaron os axentes municipais a facer varias intervencións policiais. Nunha delas atoparon 121 persoas no interior dun local nocturno, delas, 60 non levaban máscara.

A Policía Municipal controla que se cumpran as restricións na capital. Alí comeza ás once da noite o toque de queda e nalgunhas rúas houbo aglomeracións durante esta fin de semana máis aló da hora permitida, sobre todo na zona centro.

Tras o desaloxo moitos continúan despois coas festas nos domicilios... tamén nalgunha discoteca.

Os axentes realizaron varias inspeccións en diferentes locais, un deles permanecía
aberto preto das dúas da mañá, noutro había 21 persoas incumprindo as medidas sanitarias e de seguridade.

Outra das intervencións policiais máis significativas realizábase onte á noite nun local nocturno do distrito da Latina.

Na inspección os axentes atoparon 121 persoas no seu interior, das que 60 foron denunciadas por non levar máscara.

A policía puido comprobar que alí se permitía o baile e mesas con máis de catro persoas. O local foi desaloxado, precintado e proposto para sanción.

Noticias web

04/04/2021