CRTVG

Buscar

Festas e botellóns descontrolados para celebrar a fin do estado de alarma

Publicado o 09/05/2021 20:52

Son os restos da algueirada. Os operarios de limpeza do concello de Barcelona recollen o lixo que deixaron os miles de mozos que saíron a celebrar, sen distancias de seguridade e en moitos casos sen máscara, a fin do estado de alarma e do toque de recollida.

"É o momento de deixarnos un pouco de liberdade e de gozarmos un pouco do veran".

A Policía desaloxou máis de 6.000 mil persoas en 31 puntos diferentes da cidade. Situacións semellantes vivíronse en Madrid. Alí a festa foi tamén multitudinaria, sen mascaras, sen restricións e con moito alcohol, a pesar de que o ocio nocturno segue pechado.

"Pois moi contentos, moi alegres".

"Liberdade, xa está ben de tanta prohibición".

"Son actuacións que o Concello ten que condenar; hai que lembrar que os botellóns non están permitidos en Madrid", di José Luis Martínez-Almeida, alcalde de Madrid.

En Sevilla, a Policía traballou sen descanso toda a noite, que se saldou co peche dun local por traballar fóra de hora, botellóns en distintos puntos da cidade e un policía local ferido tras intervir nunha liorta. Máis tranquilas e sen incidentes transcorreron as celebracións en lugares como Zaragoza ou o País Vasco.

"Imos pescar, pasar o tempo e gozar un pouco, que xa tocaba".

Tras a supresión do estado de alarma, das catro comunidades autónomas que o pediron, só dúas poden prorrogar o toque de recollida. Son as Baleares e Valencia. Navarra está á espera da decisión do tribunal. E as Canarias non conseguiron a autorización dos xuíces para manter esta medida e a limitación de entradas e saídas nas illas. O goberno canario xa anunciou que vai recorrer ao Tribunal Supremo.