Ferrolterra, Ames e Teo incorporaron esta fin de semana novas restricións
Cun nivel de alerta 3, a comarca de Ferrolterra e os concellos de Ames e Teo incorporaban esta fin de semana novas restricións. Ao peche perimetral e á limitación de reunión a persoas conviventes sumáronse as medidas que afectan á ocupación en celebracións civís e relixiosas, actividades académicas, deportivas, culturais e na hostalería.
Ferrol, Fene, Neda e Narón incorporaban esta fin de semana novas restricións. As cafeterías só poden servir nas terrazas, reducidas ao cincuenta por cento da súa capacidade. Os restaurantes traballan a medio gas. Unicamente poden atender a metade das mesas. Para a maioría, a situación é insostible. Os hostaleiros piden axudas directas para salvar un sector que esmorece.
Ames e Teo uníronse tamén este domingo aos concellos que entran en nivel 3. Aquí tampouco se pode consumir no interior de bares e cafeterías. Esta situación obriga a moitos a adaptar o seu negocio, mesmo a reconverterse, ou no peor dos casos a pechar.
Pero os esforzos non son só económicos. Hai outras medidas restritivas que afectan emocionalmente, como a de non poder xuntarse con familiares e amigos, tan só cos conviventes. E todo... para salvar vidas e poder gozar canto antes da tan ansiada normalidade.