CRTVG

Buscar

Fernando Vidal: "Hai que suspender a Liga e disputala dende cero outra vez"

Publicado o 17/04/2020 20:32

Fernando Vidal ten claro que habería que facer se non se pode retomar a competición: "Cando se suspende unha competición hai que deixala como está e volver repetila a temporada que vén coma se nada, é a idea que teño eu a nivel persoal e os meus compañeiros de consello pensan coma min. Se suspenden a liga ten que quedar como está e volver disputala dende cero outra vez", considera o presidente herculino.

Pero no caso de que si haxa liga e se xoguen as 11 xornadas que quedan o Deportivo chegou a un acordo cos seus xogadores: "Os xogadores contemplan a posibilidade de redución do seu salario no caso de xogar a porta pechada. Tamén teñen unha redución salarial que aumenta no caso de que se disputen partidos e na xornada 5 ou 6 a liga se suspenda por algunha causa importante. Ademais contémplase o compromiso de todo o equipo e o seu corpo técnico a disputar todos os partidos ata que acabe a temporada alén o 30 de xuño", explicou Vidal.

O regreso á competición será complicado para todos. Os protocolos de seguridade que haberá que seguir son moi esixentes: "No momento no que sexa público, que será público, o borrador final do acceso á actividade deportiva profesional dos clubes, adestramentos e competición veredes que é totalmente imposible de cumprir por clubes que non sexan profesionais" apunta o directivo.

O que está claro é que a crise do coronavirus afecta tamén á economía dos clubes: "Se xa a nosa situación económica era complicada, a Covid-19 fai que sexa máis complicada aínda. Haberá que tomar medidas e axustes que non estaban programados"

E esa situación non lle afectará só ao Deportiv: "Van baixar os presupostos dos equipos seguro, vexo o mercado de fichaxes máis estancado da historia, seguro", anuncia Vidal.

Noticias web

17/04/2020