CRTVG

Buscar

Fernando Valladares: "Periodicamente imos ter este tipo de pandemias"

Publicado o 08/04/2020 10:14

Esta crise sanitaria está desvelándose como un "desafío ao noso modelo social". Estamos soportando problemas sanitarios, sociais, económicos...

Cando superemos a alerta sanitaria, cando poidamos saír e volver reencontrarnos, cando todo volva á normalidade... consideraremos que loitamos e que vencemos. Que tivemos éxito; pero será un pequeno éxito, porque o ÉXITO, así con maiúsculas, será evitar a próxima pandemia.

Fernando Valladares é doutor en Ciencias Biolóxicas, profesor de investigación do CSIC e un divulgador comprometido. O seu último vídeo, Coronavirus, un desafío ao noso modelo social, é moi recomendable.

"Aínda que todos desexamos rescatar algunhas cousas da normalidade perdida, de saír da casa con liberdade, ese paquete de normalidade non é ao que debemos aspirar agora. Temos o cambio climático de fondo, as agresións aos ecosistemas naturais e un monte de problemas sociais e económicos que nos poñen de costas á natureza. Periodicamente, como din as Nacións Unidas, imos ter este tipo de pandemias e outras peores".

"Si, podemos dicir que estamos recollendo o que sementamos. No cumio da Terra hai 30 anos no Río de Xaneiro desenvolveran unhas actuacións para relacionármonos con este medio ambiente que nos dá a vida e non as cumprimos. Perdemos moito tempo. Puxémonos de costas á natureza e isto é insostible".

"Este é o principal desafío que temos diante. Temos unha oportunidade histórica para reformularnos o modelo social. O éxito non vai ser saír deste confinamento. Virán máis pandemias. A sostibilidade do planeta e da nosa saúde depende de que nos tomemos moi en serio o desafío en que estamos".

"Todo isto deriva de problemas que levamos décadas acumulando e sen resolver. Agora temos estas indicacións dun problema global. Necesitamos un cambio de rumbo, orientar o desenvolvemento doutra maneira".

Noticias web

08/04/2020