Feridos dous condutores nun accidente en Toén
Publicado o 20/05/2021 13:16

Accidente esta mañá na autovía das Rías Baixas á altura do concello ourensán de Toén. Foi unha colisión, por alcance, entre dúas furgonetas, rexistrada pouco antes do túnel de Alongos. Tras o choque, un dos vehículos envorcou. Os dous condutores quedaron feridos, en principio de carácter leve. Trasladáronos en ambulancia a un centro hospitalario de Ourense. O carril da dereita permaneceu cortado, mentres que os servizos de urxencia e mantemento deixaron limpa a calzada.