Ferido grave o traballador dunha mina en Quiroga ao caer por un barranco cunha escavadora
Publicado o 08/04/2021 10:41
Complicado rescate o que tiveron que realizar os servizos de emerxencias nunha mina en Quiroga para auxiliar un traballador que caeu por un barranco coa excavadora coa que operaba.
O home, de 41 anos, saíu despedido da máquina ao precipitarse e quedou nunha zona de difícil acceso, o que complicou o rescate. Malia desprazarse ata a zona o helicóptero Pesca 2, non puido intervir no rescate porque poñía en risco a estabilidade do terreo.
Traballadores da canteira e efectivos de emerxencias baixaron ata o lugar onde caera a vítima e lograron evacualo manualmente. Logo foi trasladado polo helicoptero do 061 ao HULA, onde ingresou en estado grave polas múltiples contusións que sufriu.