CRTVG

Buscar

Ferida leve ao bater o seu coche contra unha furgoneta sen condutor en Santiago

Publicado o 28/11/2018 12:50

En Santiago, unha condutora sufriu feridas leves ao bater o seu coche contra unha furgoneta sen chofer que se atravesou no seu camiño. A furgoneta deslizouse por unha rúa en pendente e atravesou cinco carrís ata parar onda un muro.

A hora en que se produciu, ás sete menos dez, e a boa sorte propiciaron que o accidente desta mañá na rúa Restollal de Santiago non tivese máis consecuencias que unha persoa ferida leve e danos materiais en dous vehículos.

A ferida é unha muller, condutora e única ocupante do turismo. Ía polo Restollal cara a Santiago cando unha furgoneta sen ocupantes se atravesou no seu camiño, despois de saltar a división que separa unha vía de servizo dos catro carrís que ten a vía principal.

O condutor da furgoneta parara na cima da travesa da Estrada, unha rúa bastante empinada, para deixar a prensa do día. Cando xestionaba a entrega do pedido, o vehículo foise costa abaixo. O propietario da furgoneta non tiña claro se se debeu a que non estaba ben freada ou se puido romper o cable do freo de man.

Afortunadamente, no descenso descontrolado da furgoneta non había ningún peón na súa traxectoria, pero si o coche que baixaba polo Restollal. A súa condutora foi trasladada ao hospital con lesións de carácter leve.

Pasadas as oito quedaba limpa a vía, co que o accidente apenas repercutiu no desenvolvemento do tráfico, que a esa hora adoita ser pouco intenso na zona.

Noticias web

28/11/2018