Fenda aberta na cúpula de Ciudadanos polo xiro á dereita
• As discrepancias coa política de pactos provocan tres renuncias
• O PSOE chama a Rivera "a escoitar o seu partido" e absterse
Ciudadanos afronta a súa primeira gran crise interna. A fenda abriuna a marcha de Toni Roldán, un dos pesos pesados do partido e home da máxima confianza de Rivera. O ata agora portavoz adxunto de Ciudadanos no Congreso, deixa o seu escano e os seus cargos na formación polo apoio do seu partido ao PP, os pactos indirectos con Vox e o veto a Pedro Sánchez.
"Non marcho porque cambiase, senón porque Ciudadanos cambiou. Expresei o meu desacordo sempre que tiven a oportunidade desde a lealdade en todos os órganos de dirección aos que pertenzo. Fíxeno todos os luns durante moitos meses. Os custos para España da estratexia elixida por Ciudadanos son demasiado altos", asegura o xa ex-deputado de Ciudadanos Toni Roldán.
Á dimisión de Toni Roldán respondeu Arrimadas. A voceira de Ciudadanos insistiu en que que o partido nin cambiou nin xirou á dereita e recordou que Roldán hai catro meses votou a favor do veto ao Partido Socialista.
"El aprobou por unanimidade uns criterios que parece agora rexeita, polo tanto, el terá que explicar o seu cambio de criterio, pero nós desexámoslle o mellor e imos seguir aplicando o criterio da Executiva que se aprobou por unanimidade, tamén co voto de Toni, e que, ademais, estivo referendado polas urnas cun resultado histórico que foi o que sacou Ciudadanos", respodeulle a Toni Roldán a voceira de Ciudadanos no Congreso, Inés Arrimadas.
Tras a dimisión de Roldán, Garicano e Nart, os outros dous críticos coas aproximacións a Vox, pedían na Executiva reconsiderar a postura da formación na investidura de Pedro Sánchez. Pero a dirección de Ciudadanos decidía manter o veto aínda que sen unanimidade. Houbo tres abstencións e catro votos en contra: o de Garicano, o de Nart, o do candidato en Castela e León e o do responsable de Relacións Internacionais no partido.
A reacción non tardou. Nart abandona o seu posto na Executiva pero, polo momento, mantén o escano no Parlamento Europeo. As de Roldán e Nart non foron as únicas renuncias do día. O líder de Ciudadanos en Asturias, Juan Vázquez, anunciaba a súa dimisión tamén pola discrepancia coa política de pactos.