CRTVG

Buscar

Feministas piden en Barcelona resposta internacional para as mulleres afgás

Publicado o 17/08/2021 22:38
Feministas piden en Barcelona resposta internacional para as mulleres afgás
EFE

Arredor dun centenar de mulleres, segundo a Garda Urbana, participaron este martes nunha concentración feminista fronte á sede das Nacións Unidas en Barcelona para reclamar unha resposta internacional urxente para protexer ás mulleres e nenas afgás tras a vitoria dos talibáns.

A concentración foi convocada pola agrupación Cataluña Abolicionista Plataforma Feminista (CATAB) e na mesma reclamouse tamén atención humanitaria para as mulleres afgás que logren saír do país e precisen asilo e acollida.

Na concentración exhibíronse carteis en que se lía: "Nin o veo nin o burka son roupa nin cultura. Son armas feminicidas", "O feminismo será internacional ou non será" ou "Non defendo ningunha relixión porque todas están contra as mulleres". Ademais, tres mulleres que levan burka quitárono durante a concentración e lanzárono ao chan para escenificar o rexeitamento aos talibáns.

CATAB denuncia que, segundo os testemuños de mulleres afgás en redes sociais, de ONG e de xornalistas, nas provincias que foron ocupadas por milicias "fundamentalistas e misóxinas", xa se cerraron máis de 170 escolas. Tamén, segundo CATAB, empezaron a prohibir o acceso á educación ás nenas e as mulleres, e estas empezaron a ser violentadas por incumprir normas de vestimenta ou por saír á rúa sen o seu marido.

Pero o que consideran máis grave é que moitas están a ser entregadas como escravas sexuais e violadas por parte de grupos de homes armados. Recalcan que ante esta situación que afecta a máis de 18 millóns de mulleres e nenas afgás, a comunidade internacional e España deben "responder e actuar de inmediato para evitar que sigan vivindo nun clima de violencia sen control e retrocedan na loita polos seus dereitos conseguidos nos últimos 20 anos".

Noticias web

17/08/2021