CRTVG

Buscar

Filipe VI, no Cumio Iberoamericano: "Apostar por unha economía global aberta redundará nun crecemento sustentable e sostido"

Publicado o 20/04/2021 21:07

En Andorra, comezou o vixésimo sétimo Cumio Iberoamericano, unha cita marcada pola pandemia e no que se vai falar moito de vacinas. Xa transcendeu que Pedro Sánchez vai anunciar a posta a disposición dos países latinoamericanos de vacinas contra a covid en canto as condicións sanitarias o permitan. 

A loita contra o coronavirus é un dos asuntos centrais dos que se vai falar aquí en Andorra nun cumio inusual por varios motivos. Só haberá 5 mandatarios presentes, o resto farano por videoconferencia. Entre as novidades estará o regreso a este foro por primeira vez en 20 anos dun presidente cubano, Miguel Díaz-Canel.

Será tamén a primeira participación como presidente de Nicolás Maduro: precisamente, pola presenza do venezolano non estará o brasileiro Jair Bolsonaro. O día grande do cumio será mañá: a modo de prólogo, hoxe houbo un encontro empresarial no que o rei avogou por unha economía global aberta como mellor receita para superar a actual crise.

Filipe VI afirmaba que "apostar por unha economía global aberta, en que os intercambios lles permitan a todos os axentes beneficiarse da especialización internacional e das cadeas globais de valor, redundará nun crecemento sustentable e sostido, que contribuirá a mellorar o benestar de España, de Iberoamérica e do mundo no seu conxunto".

Noticias web

20/04/2021