Feirantes sen papeis protestan en Lugo ao non permitirlles instalarse no mercado de Frigsa
Decenas de feirantes sen papeis protestaron no mercado de Frigsa, en Lugo. Debido ás restricións impostas por mor da pandemia, a Policía Local non lles permitiu vender roupa na zona onde se instalan habitualmente.
Ana Montoya, vendedora ambulante, di: "Viñen ás nove e media e xa estaba a policía aquí. Dixéronnos que non podiamos montar. Que había orde de que non nos puxésemos por parte da Alcaldía".
Ángeles Montoya, tamén vendedora ambulante: "Nós é certo que non temos papeis. Estámolos esperando, e non nos enfadamos porque outros si poidan vender, senón porque tamén temos dereito a comer".
Posteriormente, os feirantes levaron a súa protesta á casa do concello, onde ciscaron roupa ás portas do edificio. Posto que non lles deixan vender no mercado, os afectados reclaman compensacións.
Violeta Marín, vendedora ambulante: "Non temos papeis, así está a cousa, e non sabemos que facer. Como podemos pagar a taxa? Por que non se nos permite? Se gañamos 30 euros aí e depositamos 500 ou 1.000 euros, que facemos? Non facemos nada. Hai que ver como podemos facer, que así xa non podemos".
Mari Carmen Bentos, outra vendedora ambulante: "Eu teño catro nenos para manter. Pedimos unha bolsa de comida e non nola dan, nin o Concello nin as asistentas sociais. A nós non nos axuda ninguén, e un recibo da luz tampouco o podemos pagar. Eu o que lle diría á alcaldesa é que por favor nos deixen vender, porque vivimos ao día".
"Son xente que non ten recursos económicos suficientes e esta é unha axuda para que poidan darlles de comer aos seus fillos", sinala un cliente habitual.
Debido á actual situación sanitaria, as autoridades municipais só permiten que vendan no mercado os comerciantes rexistrados, que se instalan por orde de chegada e con prioridade para os censados na cidade.