CRTVG

Buscar

Feijóo valora os presupostos xerais e di que "Galicia perde coas contas"

Publicado o 15/01/2019 15:11

O presidente da Xunta tamén valorou hoxe os presupostos xerais que propón o Goberno central, en que rebaixa o investimento a Galicia nun 19 % con respecto ao ano pasado. Cualifícaos de insuficientes para a nosa comunidade e critica o pouco esforzo que se prevé en infraestruturas na nosa comunidade. 

Alberto Núñez Feijóo, presidente da Xunta de Galicia: "Son uns presupostos que non responden ás expectativas mínimas que tiñamos formuladas".

Esta é a valoración que fai o presidente da Xunta sobre o proxecto de presupostos para o ano que vén. Cualifica de insuficiente o investimento en ferrocarril, xa que só se contempla o remate da conexión con Madrid e o inicio do tramo a Lugo. En canto a estradas, asegura que non se recolle ningunha das obras que xa deberan comezar o ano pasado.

Alberto Núñez Feijóo, presidente da Xunta de Galicia: "Agora temos a confirmación clarísima de que este presuposto está feito, a política económica, con Podemos e a política territorial co independentismo catalán. O que significa que Galicia perde nos presupostos e nas contas do Estado para o ano 2019".

Rexeita, ademais, que estes sexan uns presupostos sociais.

Alberto Núñez Feijóo, presidente da Xunta de Galicia: "Se orzamento expansivo é subirlle a todos os cidadáns de Galicia cada vez que botan gasóleo no coche temos conceptos distintos do que é expansivo e social".

Na súa opinión, con estas contas ralentizaríase a economía e a creación de emprego.

Como lle afectan os presupostos a Galicia

Día de análise dos orzamentos do Goberno Sánchez para Galicia. As contas invisten menos en cada galego. En Galicia, o investimento cae. É un descenso de máis do 19 por cento. Sitúase en 757 millóns de euros, 182 millóns menos ca en 2018. E que sucede noutras comunidades?

Galicia é unha das máis castigadas. Cataluña, Andalucía e a Comunidade Valenciana, as grandes beneficiadas. En Cataluña, nas mans dun goberno independentista, o investimento sobe o 67 por cento. O executivo Sánchez destina alí máis de 2.200 millóns de euros. En Andalucía, gobernada ata agora polos socialistas, medra tamén o investimento. Recibirán máis de 2.100 millóns. E na Comunidade Valenciana, presidida polo socialista Ximo Puig, dispárase a partida case un 61 por cento.

Reaccións

Os partidos en Galicia analizan os orzamentos. O Partido Popular critícaos. Cre que son inaceptables. 
O PSdeG deféndeos. Destaca a prioridade social. Desde En Marea considéranos inaceptables. E o BNG di que son unha burla para Galicia.

 

 

 

 

Noticias web

15/01/2019