Feijóo convida o Papa Francisco a peregrinar a Santiago o ano que vén
• O arcebispo de Santiago e o presidente da Xunta agradecéronlle ao pontífice a prolongación do Ano Santo
• Feijóo: "O Papa coñece ben os galegos e iso axuda moito"
O papa Francisco acreditou "coñecemento e simpatía" polo pobo galego na audiencia ao presidente da Xunta e ao arcebispo de Santiago que tivo lugar no Vaticano. Durante o encontro, Alberto Núñez Feijóo e Julián Barrio volveron convidar o pontífice a visitar Galicia.
Ambos os dous agradecéronlle a prolongación do Ano Santo ata o 31 de decembro do vindeiro ano por mor da covid−19. Segundo subliñou o mandatario galego: "É a primeira vez na historia que isto ocorre, agardamos que o 2022 sexa un Ano Santo normal dende o punto de vista sanitario".
A pandemia ocupou boa parte da conversa. Falaron do avance da vacinación e das medidas preventivas. Tamén do seguro para persoas infectadas durante a peregrinación, co obxectivo de ofrecer garantías para poder abrir os camiños de Santiago malia o coronavirus.
Feijóo e Julián Barrio marchan do Vaticano coa esperanza de que o Papa Bergoglio viaxe a Compostela para o ano. Sería a primeira vez. Como agasallo, entregáronlle unha cuncha de vieira de bronce.