A toma de posesión de Feijóo como presidente da Xunta será o cinco de setembro
O Parlamento de Galicia celebrará os días 1 e 3 de setembro o debate de investidura en que Alberto Núñez Feijóo será designado presidente da Xunta por cuarta vez consecutiva.
A Xunta de Voceiros celebrada este luns aprobou o calendario da sesión de investidura e a apertura da lexislatura, que coincidirá co do Parlamento vasco, que tamén prevé designar lehendakari a Iñigo Urkullu na mesma data, despois de que as eleccións autonómicas coincidiran en ambas as comunidades o pasado 12 de xullo.
No caso galego, unha vez que Núñez Feijóo reciba a confianza da acámara galega, onde o PPdeG conta cunha ampla maioría absoluta, tomaría, acto seguido, posesión do seu cargo o día 5 de setembro no Pazo do Hórreo, co que nos primeiros días dese mes podería estar conformado o novo executivo autonómico.
A toma de posesión de Alberto Núñez Feijóo como presidente da Xunta estaba prevista para última semana de agosto, pero decidiuse adiala ante a posibilidade de que se convoque para esas datas unha conferencia de presidentes para abordar o inicio do curso. Será, polo tanto, a primeira semana de setembro.
O pleno de investidurá empezará o día 1, co discurso do propio Núñez Feijóo, e rematará o día 3, coa réplica dos grupos parlamentarios e a posterior votación e elección do presidente. Seguindo o protocolo, o día catro comunicaraselle ao rei Filipe, e un día máis tarde, o sábado día día 5, Alberto Núñez Feijóo tomará posesión como presidente da Xunta.
A seguinte semana, o martes día 8 será a sesión solemne de apertura da undécima lexislatura.
Os grupos parlamentarios concordaron no calendario da investidura, que unha vez máis coincide nas datas co do País Vasco.