CRTVG

Buscar

Feijóo revalida por quinta vez o liderado do PPdeG co 98,3 por cento dos votos

Publicado o 17/07/2021 15:05

Feijóo comezou o discurso lembrando o momento en que tomou o testemuño de Fraga para liderar o partido hai 15 anos. Dende entón, dixo, todas as vitorias foron colectivas e pediu máis autoesixencia para seguir mellorando Galicia. "Eu estou aquí porque teño ganas de máis, porque teño máis ilusión que aquel 15 de xaneiro de 2006, cando estaba atordado e sen saber onde estaba. Agora non, agora sei onde estou. Creo que podemos seguir mellorando", afirmou o presidente do PPdeG, tras revalidar o cargo por quinta vez.

Defendeu que ten o mellor Goberno de España, reivindicou a súa xestión dos servizos públicos e afirmou diante dos presidentes doutras comunidades que non os condicione o xeito de gobernar de Pedro Sánchez. "Teño absolutamente convencido o conselleiro de Facenda de facer outra gran baixada de impostos nos próximos meses", dixo Alberto Núñez Feijóo.

Afirmou que no PP caben toda as sensibilidades e puxo a súa experiencia a disposición dos candidatos ás municipais e de Pablo Casado cun consello para gañar: patear as rúas e escoitar a xente. "Que non nos contaxien esa tendencia de converter a política nunha xungla na que un vai de liana en liana sen deterse. Deixemos a Sánchez niso. Hai moitos problemas en España e por iso o PP vai ser chamado a gobernar e imos seguir traballando con Pablo para intentar que esa sexa a alternativa das solucións".