CRTVG

Buscar

Feijóo reunirase por separado cos líderes da oposición

Publicado o 23/03/2021 15:18

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, reunirase finalmente este venres por separado cos líderes de BNG, Ana Pontón, e do PSdeG, Gonzalo Caballero, en dous encontros na sede do Goberno galego.

Deste xeito e despois de que tanto Pontón como Caballero esixisen un encontro ao mandatario galego, Núñez Feijóo recibiraos na mañá do venres, día 26.

As reunións serán de forma bilateral en San Caetano e, en primeiro lugar, Núñez Feijóo recibirá á portavoz nacional do BNG nun encontro previsto para as 10 horas e, ao finalizar esta reunión, o mandatario autonómico recibirá ás 12 horas ao xefe de filas dos socialistas galegos.

Tanto Caballero como Pontón sinalaron que acudirán á reunión co obxectivo de presentar ao presidente galego as súas respectivas propostas para encarar a saída da crise sanitaria e socioeconómica derivada da pandemia da covid-19.

O encontro realizarase a mesma semana en que os líderes de BNG e PSdeG empregarán a sesión de control no Parlamento galego para cuestionar a Núñez Feijóo, sobre a presunta caixa  b do PP e as súas posibles vinculacións co partido en Galicia.