CRTVG

Buscar

Feijóo reunirase co papa Francisco o 14 de xuño para tratar o Xacobeo dobre

Publicado o 06/06/2021 10:43
Feijóo reunirase co papa Francisco o 14  de xuño para tratar o Xacobeo dobre

O presidente da Xunta Alberto Núñez Feijóo manterá un encontro co papa Francisco no Vaticano o próximo luns 14 de xuño. Irá a esta cita canda o arcebispo de Santiago Xulián Barrio.

Núñez Feijóo trasladaralle o agradecemento de todos os galegos ao Papa pola ampliación do ano santo. É un encontro que a Xunta cualifica "de gran relevancia" en plena celebración do Xacobeo 21-22. Na audiencia, o mandatario autonómico exporalle a importancia que esta ocasión ten para Galicia no seu conxunto e para os peregrinos que se deciden a emprender o Camiño a Santiago de Compostela.

Feijóo aproveitará para agradecerlle ao papa Francisco a súa decisión de ampliar ata 2022 o ano xubilar como consecuencia da pandemia do coronavirus.

O presidente da Xunta tamén exporá os esforzos que está a realizar o Goberno galego para garantir un desenvolvemento seguro do Xacobeo e para promovelo no mundo como unha porta aberta á espiritualidade e ao acougo en tempos tan complexos.

O anuncio de que Feijóo se verá co papa Francisco en pouco mais dunha semana chega tres días despois de que o Rei confirmase que regresará o 25 de xullo, Día de Galicia, a Santiago para realizar a ofrenda real ao Apóstolo.