CRTVG

Buscar

Feijóo reivindica a súa experiencia para presidir a Galicia posterior á covid-19

Publicado o 21/06/2020 17:30

O Partido Popular de Galicia celebrou en Santiago o acto de presentación de candidaturas, en conexión coas catro provincias galegas. Segundo Feijóo, o seu equipo está preparado para dar certezas, máis que os restantes partidos xuntos. O lema do PPdeG nesta campaña será "Galicia, Galicia, Galicia".

O líder dos populares galegos di que sabe ben o que é gobernar en tempos de vacas fracas e reivindica a súa experiencia para presidir a Galicia posterior á covid-19.

Alberto Núñez Feijóo, presidente do Partido Popular de Galicia: "Non hai marxe para prepararse. Non se pode chegar á Xunta no medio dunha pandemia a aprender. Nós estamos preparados, temos respostas inmediatas porque levamos dez anos aplicando respostas con éxito".

Afirma que ten máis forzas e ganas que cando chegou á Xunta e que a política ten sentido nos momentos de dificultade coma este.

Alberto Núñez Feijóo, presidente do PPdeG: "Volvo dicir, porque para min é moi importante que se saiba, que eu estou unicamente á disposición de Galicia. Ese é o meu compromiso público e notorio".

Aos intregrantes das listas, que seguiron o acto dende A Coruña, Lugo, Oseira e Vilagarcía pediulles traballar día e noite polos votos, patear todas as aldeas e fame de gañar o vindeiro día 12.

Alberto Núñez Feijóo, presidente do Partido Popular de Galicia: "Seremos quen de conseguir unha cuarta maioría absoluta no medio dunha pandemia e sen deixar de coidar os galegos e as galegas, que son a quen nos debemos".

Noticias web

21/06/2020