CRTVG

Buscar

Galicia reclama o mesmo trato que outras autonomías e, por agora, non abrirá os centros de día

Publicado o 10/05/2020 16:09

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, reclamou esta mañá ao presidente do Goberno, Pedro Sánchez, que se establezan canto antes uns criterios claros para que as comunidades saiban como avanzar nas distintas fases do desconfinamento.

Lamentou que o cogoberno comezara coa discriminación duns territorios sobre outros á hora de establecer os movementos entre provincias que se lle negan a Galicia, pero que se permiten noutras zonas do Estado.

Feijóo volveu solicitar un protocolo para o uso das máscaras e puxo enriba da mesa varios temas relacionados coa fase 1 que mañá se inicia nas catro provincias galegas, entre eles, a preocupación no pequeno comercio polos sistemas que permitan o reconto e o control das persoas no seu interior e propón que poidan abrir os locais de máis de 400 metros cadrados limitando o seu espazo a esa área.

O presidente da Xunta queixouse da escasa antelación con que se aproba a reapertura dos centros de día de discapacitados e maiores, que será a partir deste luns e saíu publicado no BOE este sábado. Feijóo interesouse pola apertura dos pasos fronteirizos entre Galicia e Portual e reclamou que se permita a pesca e a caza, deportes ao aire libre que non están acollidos aos efectos da fase 1.

No plano económico, o presidente da Xunta pide que se modifiquen os criterios de repartimento dos 16.000 millóns de euros anunciados polo Goberno e solicitou coxestionar co executivo central a renda mínima vital, para non duplicar prestacións e ampliar a contía ou os beneficiarios destas.

O presidente da Xunta reiterou a súa crítica a manter o estado de alarma e pediu que España se dote dun sistema de emerxencia sanitaria con rango de lei orgánica.

Esta foi a novena conferencia de presidentes autonómicos co presidente do Goberno, para avaliar a marcha da pandemia da COVID-19 en España.