Feijóo: "Quedan aínda meses moi duros para todos"
Alberto Núñez Feijóo avisa de que veñen por diante meses duros, entre outras cousas pola loxísitica que implica a dispensación das vacinas, pero tamén polos efectos demoledores, dixo, que deixa a pandemia.
Con todo, o presidente afirma que o sistema sanitario galego resistirá como aconteceu na primeira onda. Son palabras de Feijóo nunha reunión con todo o seu equipo para facer balance dos 100 primeiros días de Goberno.
Alberto Núñez Feijóo fala de cen días frenéticos, cunha ducia de leis remitidas ao Parlamento e un Servizo Galego de Saúde á altura "dos mellores de Europa".
"Quedan meses moi duros para todos, de distancias, de máscaras, de restricións e de extraordinaria complexidade loxística para dipensar a vacina no menor tempo posible e coa maior seguridade posible", asegura.
Avisa o presidente da Xunta de que non vai haber reactivación sen empresas e que os fondos europeos han ser un dos alicerces da economía do futuro.
"A economía galega está a resistir mellor o impacto da pandemia que a española, tanto en termos de PIB, como en emprego e exportacións. Isto non é un eslogan nin os datos deberían servir para felicitarnos", dixo Feijóo.
Esta situación "debería servir para aproveitar a nosa mellor posición de partida para encarar a reactivación apostando pola transformación da nosa economía", engadiu o presidente da Xunta, que agarda que o Xacobeo 2021 converta Galicia nunha capital mundial da cultura.