CRTVG

Buscar

Feijóo propón unha reunión coa oposición cando remate a comisión de reactivación

Publicado o 09/03/2021 16:36

• Ana Pontón acusa o PP de cuestionar o "dereito das mulleres a manifestarse" e Feijóo considera "indecente" esa afirmación

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, considera razoable agardar ao remate da comisión de reactivación parlamentaria para manter unha xuntanza coa oposición.

Durante a sesión de control ao Goberno galego, o secretario xeral do PSdeG,  instou o titular da Xunta a fixar “formato, data e hora” dunha reunión cos grupos parlamentarios para falar, segundo dixo, “da maior crise económica e social que vivimos” dende a Guerra Civil.

Gonzalo Caballero pedíulle que non converta a comisión de reactivación, iniciada en outubro no Parlamento, nun “paripé sen alcance nin contido”.  Neste sentido, criticou as propostas presentadas neste foro polo executivo galego para os fondos europeos  que cualificou de “fake news”.

Alberto Núñez Feijóo advertiulle ao líder  socialista que a xuntanza cos voceiros da oposición non é unha película do oeste na que se reta a un rival a fixar “formato, data e hora”. Lembroulle que existía un acordo para debater en comisión parlamentaria as propostas de reactivación dos distintos grupos, polo que propuxo rematala primeiro e logo fixar un encontro.

Tirapuxa entre Caballero e Feijóo

O líder socialista recriminoulle que despois de seis meses de goberno non contactase co seu partido. Pedíulle que se poña a traballar por Galicia e deixe de preocuparse polo PP que, segundo dixo, está sumido “na crise máis profunda da súa vida”. “Xa non sabemos cal é o Partido Popular: se é o PP de Feijóo, se é o PP de Ayuso,  se é o PP que está  preocupado polos sobres de Bárcenas”, asegurou.

O presidente galego lamentou que Gonzalo Caballero considere “un paripé” as propostas de reactivación presentadas na comisión parlamentaria. Asegurou que vai seguir dialogando con el e cos ministros do Goberno “sexan de Podemos ou do partido socialista”. Ademais, contrapuxo “o rigor e a unidade do goberno da Xunta” fronte “ao rigor e a unidade do desgoberno central”.

Tensión a conta do 8-M

Na mesma sesión, que se desenvolveu un día despois da celebración do Día internacional da Muller, a voceira nacional do BNG retou o titular da Xunta a citar os seus fitos a prol da igualdade de xénero.

Ana Pontón lamentou que a pandemia estea a minguar aínda máis os dereitos das mulleres. Censurou que este 8 de marzo se cuestionara "o noso dereito a manifestarnos" traballando o terreo para "tentar culpar as mulleres dunha cuarta vaga". A líder nacionalista considera que se trata dunha mensaxe da extrema dereita que hai que denunciar como "puro machismo político".

Alberto Núñez Feijóo puxo en dúbida as propostas a prol da igualdade da líder nacionalista porque, asegurou, son contra o PPdeG. "Vostede pensa que a igualdade é patrimonio seu; que as mulleres do PP e do PSdeG non a defenden", dixo. Acusouna de representar "só algunhas mulleres" e instouno a buscar acordo e non só "oportunismo político".

Logo de lembrar as 43 mulleres e un menor asasinados por violencia machista dende 2009 en Galicia, tachou de "indecente" suxerir que a Xunta estaba en contra da manifestación das mulleres "cumprindo cos criterios de sanidade" e lembrou que o seu partido aprobou hai trinta anos a primeira iniciativa a prol da igualdade de xénero.

Tamén salientou a creación da Consellería de Emprego e Igualdade e as medidas para favorecer a conciliación, como a ampliación dos permisos de maternidade e paternidade ou a tarxeta Benvida. Ademais, fixo referencia ás cifras "récord" no 2019 e no 2020 de mulleres afiliadas á Seguridade Social.

Ana Pontón acusouno de presumir dunha "involución", porque 15.600 mulleres tiveron que desaparecer do mercado laboral durante a pandemia para facerse cargo do fogar e dos coidados familiares. Para corrixir esta desigualdade, pediulle a posta en marcha dun plan de emprego feminino e dun novo modelo público de coidados no fogar.