CRTVG

Buscar

Feijóo anuncia tests masivos de saliva na casa e a reforma integral do Sergas

Publicado o 01/09/2020 23:30

• Propón unha comisión para a reactivación social e económica

A oposición considera baleiro o discurso de Feijóo

Este martes celebrouse o pleno que remataría coa investidura de Alberto Núñez Feijóo como presidente da Xunta. A pandemia da covid-19 e os seus efectos no ámbito sanitario e económico centraron parte do seu cuarto discurso de investidura.

Un novo sistema de tests dende a casa

O presidente da Xunta de Galicia en funcións, Alberto Núñez Feijóo, anunciou o pasado martes no seu discurso de investidura que ao longo do mes de setembro vai poñerse en marcha un novo sistema de tests masivos de covid-19 a través de mostras de saliva e subliñou que a sanidade pública será “a máxima vocación e compromiso” do seu Goberno.

O novo sistema, que “se está planificando en Vigo”, farase a través de mostras de saliva que cada persoa recollería desde a súa propia casa para, posteriormente, “rexistrala a través dunha app e remitila para que sexa avaliada en robots con capacidade para analizar 100.000 probas ao mes”.

Será un salto cualitativo para facer grandes avaliacións, que, loxicamente, priorizaremos nas áreas sanitarias e tamén en grandes centros de traballo ou afluencia”, apuntou o candidato á investidura, quen tamén destacou que Galicia “foi a primeira comunidade en implantar o autocovid” conforme á receita da Organización Mundial da Saúde (OMS): “tests, tests e máis tests”.

Deste xeito, Núñez Feijóo lembrou que en Galicia se fan “unha media de 4.434 probas diarias, un 170 % máis que no pico do estado de alarma” e que esta comunidade “foi pioneira no uso da técnica pooling, que actualmente analiza de forma conxunta ata 20 mostras e terá capacidade para chegar a 60”.

“Mantemos o reforzo de profesionais sanitarios, hai reservas para aumentar as UCI, contamos coa plataforma TELEA para facer seguimento de pacientes domiciliarios, temos capacidade para levantar hospitais de campaña, hai stock de material e canles abertas para adquirir o que faga falta e estamos preparados para intervir as residencias que sofren un grande impacto da enfermidade”, enumerou.

Así, Núñez Feijóo avanzou que a “renovación integral” do  Servizo  Galego de  Saúde (SERGAS) será “unha absoluta prioridade esta lexislatura” e darase “en todos os niveis, pero empezando pola atención primaria”.

Tamén tivo palabras para a volta ás aulas, rodeada de polémica polas medidas anunciadas; estas non acababan de convencer a parte da comunidade educativa, que ameazou coa folga. “Debemos aspirar a que o curso comece. Con todas as precaucións e sen perder de vista a situación epidemiolóxica, pero debemos aspirar a que o curso comece” aínda que el, remarcou, “como pai e como responsable educativo” comprenda e comparta a preocupación imperante.

Unha comisión de reactivación social e económica

O presidente da Xunta en funcións, Alberto Núñez Feijóo, falou tamén da creación "dunha comisión para a reactivación social e económica” que responda "á vontade de estabilidade e moderación trasladada de forma maioritaria polos galegos o 12X".

O titular en funcións do Executivo galego especificou que esta comisión para a reactivación, que será constituída no Parlamento de Galicia como "unha comisión de estudo", tentará que definan "xuntos o Pacto de Reactivación que a nosa terra merece e necesita”.

Sobre as eleccións pasadas

Feijóo falou das eleccións autonómicas do 12X, nas que considera como principais vencedores "a estabilidade e a moderación".

O candidato á investidura puxo como exemplo de "políticas moderadas que permiten cambios tranquilos, efectivos, constantes e seguros" as que se aplicaron "na crise do 2008". Tamén subliñou que "a vitoria da estabilidade e a moderación" é "a principal análise", por enriba “do notable ascenso do BNG”, o resultado "dos partidos que conforman a coalición do Goberno central" ou "a desaparición neste hemiciclo de forzas presentes na pasada lexislatura".

Feijóo incidiu na "satisfacción pola data escollida" para os comicios de acordo coas "recomendacións do comité clínico, que sinalaron o mes de xullo como o momento máis seguro para celebralas".

Ao inicio da súa intervención Núñez Feijóo pronunciou unhas palabras en recordo aos falecidos por coronavirus en Galicia e ás súas familias.