CRTVG

Buscar

Núñez Feijóo di: "Aínda non podemos garantir como será o Nadal"

Publicado o 17/11/2020 14:10

• "O feito de que esteamos mellor ca os demais non significa que esteamos na solución e na situación óptima", di o presidente da Xunta

• Feijóo di que a reapertura da hostalería dependerá de criterios clínicos

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, dixo este martes: "Se podemos ou non salvar o Nadal para a hostalería e o comercio, saberémolo a principios de decembro. Non podemos garantir nada máis que seguir traballando para ver que as cousas van un pouco mellor que en outubro".

Feijóo tamén asegurou que a eventual reapertura da hostalería en Galicia a comezos de decembro, un "obxectivo" que "se mantén" vixente, se baseará nunha decisión estritamente clínica e non política sobre a pandemia de covid−19.

Feijóo indicou que unha vez se cumpran catro semanas desde a aplicación de novas restricións ao 60 % da poboación de Galicia, a comezos de decembro, poderanse avaliar "os impactos" destas medidas e ver "que decisións podemos tomar" respecto á evolución da pandemia.

Ao preguntarlle que entende por "salvar o Nadal" e tamén polas discrepancias verbalizadas por varios epidemiólogos, Feijóo esgrimiu que "se non pediamos o esforzo en novembro á hostalería, non iamos poder garantirlle a ese sector o mes de decembro".

Da mesma maneira, dixo que o que se buscaba coas medidas en vigor era diminuír a presión hospitalaria en novembro "para ter maior dispoñibilidade en decembro, e non ao contrario".

"Se podemos ou non podemos salvar o Nadal desde o punto de vista da hostalería e da restauración, e de manter o comercio aberto, como o temos agora, verémolo a principios de decembro", insistiu Feijóo, e engadiu: "Neste momento non podo máis que asegurar que se mantén o obxectivo".

Así, destacou tanto o descenso do cociente de positivos por PCR realizada, arredor do 6 e 6,5 %, cando chegou a pasar do 8 %, como que a cifra de altas supera a de novos contaxios. Para Feijóo aínda "é pronto para facer unha avaliación concreta" do efecto das restricións en vigor e "probablemente a semana que vén será moi importante" para avanzar no prognóstico da situación sanitaria en Galicia, dixo.

Canto ao horizonte que debuxan os avances das diferentes vacinas contra a covid−19 en que se está traballando en todo o mundo, valorou que  Biofabri xa está a producir unha delas e confiou en que no primeiro semestre de 2021 haxa doses para fornecelas á poboación.

Feijóo promete que se reforzarán os cribados nas residencias

Núñez Feijóo prometeu este martes que se intensificarán os cribados nas residencias de maiores de Galicia con máis tests PCR e de antíxenos, e avaliarase tamén a opción dos de saliva cando as circunstancias dos residentes o permitan.

Feijóo dixo en declaracións aos medios en Vigo que son precisamente os cribados entre todos os traballadores das residencias e aleatorios entre os 25.000 usuarios que hai en Galicia os que están a permitir detectar os gromos nestes centros, a maioría entre persoas asintomáticas.

"Os cribados son fundamentais. Non é que os vaiamos deixar de facer, senón que os imos intensificar", comprometeuse Feijóo, que garantiu que Galicia vai insistir "e persistir" para ser unha das comunidades autónomas cuxo número de falecementos entre usuarios de residencias sexa menor.

"O cal non significa que esteamos contentos nin satisfeitos coa situación actual nos xeriátricos", engadiu.

É máis, cre que "hai moito que mellorar" e que "o feito de que esteamos mellor que os demais non significa que esteamos na solución e na situación óptima. Imos seguir mellorando e facendo tests. Non imos parar nin dar unha vida por perdida", pechou.