CRTVG

Buscar

Feijóo pídelle a Sánchez por carta "presenza directa" de Galicia na negociación das cotas tras o 'brexit'

Publicado o 28/12/2020 20:41

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, remitiu este luns ao xefe do Executivo central, Pedro Sánchez, unha carta para pedir "información oficial" sobre o acordo pesqueiro do brexit e para reclamar que Galicia teña unha "presenza directa" nas futuras negociacións co Reino Unido e no seo da Unión Europea en canto ás cotas de captura.

Na misiva, o titular do Goberno galego reflectiu a súa "preocupación" pola incidencia que terá a saída do país británico no sector pesqueiro, que supón "un novo recorte da actividade da frota" en augas do Gran Sol. Debido a esta "incerteza", e dado "o peso" de Galicia na actividade marítimo-pesqueira de España, Feijóo solicitou que a comunidade participe nas negociacións das cotas que quedan despois de que a Comisión Europea acordase ceder o 25 por cento ao Reino Unido ata 2026.

Segundo informa a Xunta, Feijóo trasladou na carta a Sánchez que o Goberno galego traballa "de forma intensa" na análise do acordo e das súas consecuencias, xa que o sector e as familias que viven del "non poden permitirse un novo impacto semellante ao sufrido" cando España se sumou á Comunidade Económica Europea, en 1986, que supuxo unha redución do "70 por cento" da frota en caladoiros do Gran Sol.

Falta de información oficial

Outro dos reproches vertidos polo presidente da Xunta no seu escrito refírese a que "aínda non recibiu información de modo oficial" por parte do Estado sobre o acordo do brexit. Así o sinalou o propio Feijóo este luns tras reunirse en Santiago co presidente da Comisión de Coordinación e Desenvolvemento Rexional do Norte (CCDR-N), António Cunha. Nunha comparecencia ante a prensa, criticou que a única información que ten o seu Goberno chega "a través do sector, doutros estados e dos medios de comunicación". Iso si, do que a Xunta coñece ata agora, considera que queda por diante "un panorama sombrío" para a frota da comunidade, ao confirmarse o agoiro de que "a pesca foi entregada como moeda de cambio" no acordo do brexit.

Entre outras consecuencias, Feijóo mencionou na súa carta a Pedro Sánchez o feito de que a partir de 2026 ambas as partes terán que negociar de novo o acceso a augas británicas e que, para entón, a Unión Europea "carecerá do seu principal elemento de forza ante esa situación", que é a entrada ao mercado comunitario dos produtos pesqueiros do Reino Unido. A isto súmase, prosegue a misiva, que a frota galega competirá coa británica "en desigualdade de condicións", xa que os buques desta última non estarán sometidos ás condicións da Política Pesqueira Común, como as do campo ambiental.

Así mesmo, Feijóo advertiu de que o impacto indirecto que terá o brexit en España e en Galicia "tampouco está recollido de forma explícita" nos obxectivos e parámetros de axuda do fondo de axuste, polo que calquera consecuencia posterior "tería dificultades" para compensarse.

En calquera caso, a Xunta garante que a Consellería do Mar se atopa "en contacto permanente" co sector e que vai seguir "traballando na defensa dos seus intereses". Ademais, o departamento dirixido por Rosa Quintana xa encargou dous informes para avaliar o impacto desde o punto de vista técnico-administrativo e desde o xurídico.